Artigo 18º.- Normativa dos coutos.


Apróbase a normativa dos coutos de pesca que figura no anexo XI desta orde.
Disposicións adicionais
Primeira.- No caso dos coutos de salmón nos cales remate a tempada ao chegar á cota anual, quen teña permisos expedidos con anterioridade poderá solicitar a devolución do importe ou trocalos por permisos para troita ou reo en calquera outro couto.
Segunda.- Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para ditar cantas normas sexan necesarias para o desenvolvemento desta orde.
Terceira.- Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para modificar as normas de funcionamento dos coutos de pesca durante as xornadas reservadas de conformidade co disposto nos artigos 30, 32 e 33 do Regulamento de ordenación da pesca fluvial e dos ecosistemas acuáticos continentais (Decreto 130/1997, do 14 de maio). Estas modificacións requirirán unha solicitude da entidade titular da reserva de permisos con anticipación mínima de quince días, o informe favorable do Servizo Provincial de Conservación da Natureza e, no caso dos concursos deportivos oficiais ou das entidades colaboradoras, a práctica da modalidade de pesca sen morte.
Cuarta.- Facúltase o delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible en Pontevedra para ditar cantas normas sexan necesarias para a regulación da pesca da lamprea nos ríos Tea e Ulla.
Disposición derradeira.- Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e manterase vixente ata a publicación da orde correspondente á tempada do ano 2008.