Artigo 8º.- Réxime especial do cangrexo vermello americano.


1. Períodos hábiles.


a) Encoros de Sabón e Cecebre (agás tramos vedados): todo o ano.
b) Ríos Sil e Bibei: todo o ano.
c) Ríos Furnia, Hospital e Pego (afluentes do baixo Miño) augas abaixo da estrada PO-552 (Vigo-Tui) en todos os casos: todo o ano.
d) Canles e pozas da antiga lagoa de Antela, pozas dos Milagres (concello de Maceda), pozas de Rioseco (concello de Paderne de Allariz), pozas de Niñodaguia (concello de Xunqueira de Espadanedo) e graveiras de Oímbra (concello de Oímbra): todo o ano.
e) Tramo do río Xallas entre a presa de Ventín e a presa do encoro da Fervenza: do 18 de marzo ao 15 de agosto.
f) Outras masas de auga: non se autoriza a captura do cangrexo vermello americano.

2. Dimensións mínimas e cotas de captura.


Non se establecen dimensións mínimas nin cotas de captura.

3. Artes de pesca.


A única arte autorizada é o retel. Cada persoa só poderá empregar un máximo de 10 reteis.

4. Normas adicionais.


a) Cada persoa non ocupará cos seus reteis máis de 100 m de río ou de beira de encoro.
b) Prohíbese a comercialización das capturas.
c) Todas as capturas deberán ser sacrificadas na zona de pesca, para isto, inmediatamente despois da captura de cada animal haberá que tirarlle o apéndice central do rabo, de tal xeito que se tire tamén parte do tubo dixestivo do animal.
d) En función da evolución da tempada, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza, por proposta do Servizo Provincial de Conservación da Natureza, poderá restrinxir a pesca nunha ou varias zonas, establecer cotas de captura, modificar as datas da campaña ou establecer cantas normas complementarias sexan precisas para garantir o correcto desenvolvemento da tempada de pesca.